Vilas volverá contar co seu “banco con vistas” grazas a unha doazón

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Yaiza Suárez en Laxe do Millo, onde se poden ver os pernos sobre os que se ancoraba o elemento subtraído.

Ela non é de Gondomar, nin sequera é galega, pero a paixón que sente polo banco miradoiro de Vilas e as vistas que ofrece á comarca do Val Miñor levouna a poñer cartas no asunto e solucionar dunha vez por todas o sucedido no núcleo de Morgadáns. Unha subtracción que deixou a todos os seus veciños sen o seu atractivo local o pasado 20 de outubro. Yaiza Suárez García é de Tenerife e reside en Mos, tras decatarse do roubo decidiu actuar pola súa conta e risco construíndo ela mesma outro de maiores dimensións. Posteriormente doouno á Comisión de Festas María Auxiliadora de Vilas, que se encargará de colocalo en A Laxe do Millo o vindeiro sábado 20 ás 12 horas. “Foi un amigo o que me mandou unha mensaxe, cando me decatei do que pasara non mo cría e quixen buscar unha solución”, explica.

Polo momento prefire non desvelar máis detalles aínda que avanzou que será de dous metros de longo fronte aos 112 centímetros do anterior. “Máis grande para que caiban máis persoas”, afirma entre risas. Levará o seu nome e o de Vilas, a data e o escudo da igrexa. “Espero que sexa do agrado de todos e que nesta ocasión quede alí por moito tempo e senón haberá que facer un de cemento”, chancea.

O feito de que non sexa carpinteira non supuxo impedimento para adquirir, a través de varios titoriais da internet, as nocións necesarias para a súa fabricación, aínda que segundo asegurou a este medio houbo partes que se lle resistiron máis que outras. Tras facerse co material necesario que ela mesma custeou púxose ao choio e aos poucos foille dando forma durante días, grazas a unha fábrica que lle cedeu un espazo fóra do horario comercial ademais da ferramenta necesaria. A inauguración oficial do novo banco se levará a cabo o mesmo día da súa colocación, ás 12 horas, e fai un chamamento á asistencia para que a súa reposición difúndase coincidindo á súa vez coa cita musical “Rock & Risa” xunto ao magosto de Morgadáns.

O seu emprazamento está a pouca distancia do local da Comisión de Festas Virxe Auxiliadora de Vilas. Para esta zona teñen pensado, ademais, colocar unhas mesas de pedra co fin de fomentar máis visitas aínda que a súa instalación realizarase máis adiante. Sobre o roubo pouco ten que dicir aínda que reitera que non entende este tipo de accións insolidarias. “É triste que haxa xente así pero hai de todo, só dígolle que pense no dano que fixo”, apostila.