Obradoiros sobre compostaxe en centros de ensino de Baiona e Gondomar

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra vén de iniciar oficialmente o seu curso 2021-2022 nos centros de ensino da provincia cun arranque totalmente exitoso: en apenas dúas semanas serán preto de 700 rapazas e rapaces os que pasen polas actividades que se están a desenvolver grazas aos obradoiros divulgativos sobre compostaxe desenvolvidos polo CEIDA.

O persoal responsable das actividades está a recibir moitas solicitudes por parte de colexios e institutos, chegándose a cifras prepandemia. De feito, nestes primeiros días cubriuse a dispoñibilidade dos obradoiros e chegouse a doce centros de dez concellos en sete comarcas diferentes da provincia: EEI do Vao e IES Poio en Poio; CEIP San Martiño de Salcedo e Los Sauces en Pontevedra; CEE de Vilagarcía, IES Illa de San Simón en Redondela; IES Ribeira de Louro en O Porriño; CEIP A Pedra en Bueu; CEIP Randufe en Tui; CEP Xesús Ferro Couselo en Valga; e Asociación Avelaíña en Baiona e CEIP Serra Vincios en Gondomar, no Val Miñor.

As actividades dispoñibles consisten fundamentalmente en propostas presenciais “atractivas” para o alumnado, mantendo a grandes liñas o proxecto educativo, pero incorporando novas actividades como “O Xiravai de Ecocol”, sobre como o compost axuda a coidar a terra; “Experiencias co PH do solo”, sobre a calidade do solo, o seu PH e as opcións de cultivo máis axeitado segundo a tipoloxía de cada un e as achegas de compost. Tamén se manteñen outros obradoiros como o xa coñecido “Xogo da miñoca”, “Quen vive aí?”, “Intrusos no composteiro” ou “Microcompostaxe na aula”.

Ata o de agora pasaron polas actividades lúdicas do Revitaliza realizadas a través do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) milleiros de alumnas e alumnos (arredor de 35.000), que coñeceron a compostaxe e concienciáronse da necesidade de tratar os residuos de maneira ambientalmente sustentable.

A pesares do parón motivado pola suspensión de clases en marzo de 2020, o interese polo programa está claramente “in crescendo”, sendo solicitado incluso polos concellos para os seus obradoiros e campamentos de verán tanto no pasado ano como neste.