O Xulgado multa ao párroco de Chandebrito por agarrar do pescozo a un neno

O Xulgado de Instrución número 4 de Vigo condena ao párroco de Chandebrito ao pago dunha multa de 90 euros por agarrar a un menor de nove anos do pescozo para separalo dunha nena coa que se pelexaba durante unha clase de catecismo. O maxistrado, que considerou ao cura autor dun delito de lesións leves, tivo en conta á hora de ditar a pena a eximente incompleta de cumprimento do deber. Ademais, impúxolle ao acusado o abono de 150 euros aos pais do menor.

O xuíz considera probado que o pasado 21 de maio, cando o alumnado que asistía a catequese estaba ao seu cargo, se produciu un incidente entre o menor de 9 anos e outra estudante da mesma idade. O párroco, para evitar que esa pelexa fose a máis, segundo consta na sentenza, “colleu ao neno cunha das súas mans do pescozo, trasladándoo logo ata secretaría, onde o menor estivo un intre, ata que logo regresou á clase de catequese”. Como consecuencia dos feitos, foi asistido nun centro médico debido ás lesións que presentaba na rexión a cervical dereita.

“As fotografías achegadas evidencian unha clara desproporción no agarre do menor para solucionar o conflito”, salienta o xuíz, quen indica que esa desproporción “se advirte dobre”, pois, por unha banda, entende que era posible actuar “doutro xeito, como agarralo da roupa ou dun brazo, ou dos ombreiros”. E, doutra banda, o maxistrado asegura que ao deixar impresos os seus dedos no pescozo “se deixa ás claras que houbo unha excesiva intensidade ou forza na comprensión (innecesaria en todo caso)”. O xuíz conclúe que sendo “loable” a intervención do sacerdote para atallar o conflito, o medio utilizado non foi proporcionado.