Conclúe en Nigrán o curso de “Auxiliar de servizos de limpeza” con máis do 60% de insercións laborais

Ata 12 persoas desempregadas do Concello de Nigrán participaron nesta acción formativa, a cal inclúe formación técnica de competencias e prácticas en empresa. O curso foi un éxito rotundo e os datos dan fe diso. 11 persoas realizaron as prácticas e 8 participantes están a traballar actualmente, mentres que o resto continúa no proceso de procura de emprego.

Con motivo da súa finalización, tivo lugar no Centro Antena de Nigrán o acto de clausura e a entrega de diplomas do curso “Auxiliar de servizos de limpeza”. Forma parte do Programa Emprego Inclusivo, desenvolto coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Concello de Nigrán.

As competencias adquiridas polo alumnado durante o curso tamén lles levou a mellorar en diversos aspectos, como o gañar en autoconfianza, comunicación, traballo en equipo, planificación e organización.

As empresas colaboradoras, para as prácticas profesionais non laborais, foron: Acciona, Vila do Conde (centro residencial para maiores), Hotel Val Convention, Hotel Talaso Atlántico, Limpezas Aleas, Nacelim e Limpezas Galaecia. Todas valoraron de forma moi alta a coordinación e o trato para a realización de ditas prácticas.

Para este acto de clausura, ademais do alumnado, estivo presente Juan González, alcalde de Nigrán. O rexedor destacou a rede social que leva tecendo tantos anos Carmen Avendaño, fundadora e Presidenta da Fundación Érguete-Integración. “Felicítovos por vencer esa barreira. É unha boa noticia que sexa pouco o alumnado no peche do curso, significa que a maioría puido atopar traballo”, en referencia aos participantes.

Olga Mª García Ballesteros, Deputada de Cohesión Social en Pontevedra, recalcou a importancia da boa organización. “Servizos sociais, o Concello de Nigrán, a Deputación, a Fundación Érguete-Integración, o alumnado e as empresas. Todo forma parte dunha engrenaxe que funciona grazas á boa disposición e mirando polo ben do alumnado”.

En representación da Fundación Érguete-Integración asistiron Rubén Cagiao Avendaño, Vicepresidente da mesma, Ana M. Álvarez, Directora e Coordinadora de Programas, e Yolanda Gómez, Coordinadora do Programa Emprego Inclusivo. “Seguro que máis pronto que tarde, coa formación e o voso esforzo, tamén poderedes achar un emprego”,

animou Rubén aos participantes. “O noso traballo non sería posible sen a colaboración da Deputación de Pontevedra e o Concello de Nigrán, que subvencionan e apoian o Programa”, indicou Ana. A responsable do desenvolvemento do curso, Yolanda Gómez, realizou unha presentación cos datos do curso, onde o alumnado interveu con anécdotas e agradeceu o seu labor.

Finalmente, entregáronse os diplomas que indicaron a superación do curso e celebrouse un almorzo para que as persoas presentes puidesen relacionarse nun ambiente agradable no Centro Antena, un local municipal idóneo para a realización de actividades de carácter formativo e promoción de actividades socio laborais e culturais.