A nova Biblioteca de Nigrán acolle un encontro público do escritor Pedro Feijoo cos seus lectores

A nova Biblioteca de Nigrán (Estrada pola Vía, 118) acolle este venres 19 de novembro ás 20:00 horas un encontro do escritor Pedro Feijoo cos lectores interesados en falar da súa obra ou de literatura en xeral. O propio novelista vigués, un dos autores galegos que máis éxito de público e crítica colleita, subliña o seu interese en “manter unha conversa tranquila e amigable na que vaian xurdindo temas ou preguntas”. Neste foro, o primeiro dun escritor na nova Biblioteca, estará acompañado polo alcalde, Juan González, e participará a librería de Nigrán Paraísos de Papel cun stand con exemplares á venda. «Trátase do primeiro encontro e queríamos que o inaugurase Feijoo, pero iremos organizando máis», avanza o rexedor, Juan González.

Pedro Feijoo (Vigo, 1975), filólogo de formación, desenvolveu durante anos unha intensa labor no ámbito musical como produtor, compositor e músico en grupos como Los Feliz ou Lamatumbá. Neste mesmo terreo, publicou “Viva el Fu remol!” (2005), crónica sobre o presente e as circunstancias do panorama musical galego. Narrador de lectorado fiel e entusiasta, a súa literatura de intriga e aventuras enfeitiza aos seus seguidores pola capacidade para xerar historias de acción trepidante e personaxes cos que resulta fácil empatizar. Esa é a razón de que títulos como “Os fillos do mar” (2012) ou “A memoria da choiva” (2013) -ambos Premio Arcebispo San Clemente e o primeiro tamén Premio Frey Martín Sarmiento- atópense entre os máis vendidos en Galicia e mesmo fosen traducidos a outros idiomas.

O seu último libro, “Un lume azul” (2019), é unha apaixonante e intensa novela escrita con ese arrebato ao que nos ten afeitos o autor, quen, como é habitual, ten cultivado excelentes críticas e gran acollida por parte do público. Esta novela editada por Xerais é a historia dos corpos sen vida. Unha trama de suspense que nos arrastra ata posuírnos, da que é preferible non saber nada previamente, mesmo evitando que ninguén nos desvele nada sobre ela, e gardar para nós o pracer de descubrir, de golpe, cal é a verdadeira historia que aquí se agocha. Dura, por veces mesmo violenta, pero tamén emotiva e, sobre todo, imprevisible, “Un lume azul” é unha apaixonante e intensa novela de Pedro Feijoo, escrita con ese arrebato ao que nos ten afeitos.