Gondomar aposta pola sensibilización e denuncia da violencia machista no programa de actos do 25 N

O Concello de Gondomar, a través da súa Concellería de Igualdade, dirixida por Nuria Lameiro, programou diversas actividades co obxectivo de sensibilizar e denunciar a violencia machista en todas as súas expresións que terán, como todos os 25 N, o seu acto central na Praza Paradela onde se lerá o manifesto oficial deste ano e convidarase á poboación para sumarse á concentración de denuncia ante a violencia que acabou coa vida de 37 mulleres no que levamos de ano.

“Poñeremos en marcha actividades e iniciativas que busquen a transversalidade tan necesaria á hora de combater a violencia machista, á hora de implicar a toda a sociedade nesa loita”, explica o alcalde, Paco Ferreira, quen asegura que o “programa vai moito máis alá dunha data e un manifesto, plásmase con políticas concretas e cursos e obradoiros cos mozos e mozas, que como futuro, son fundamentais”.

Cuestións que se abordarán, así como o balance das actividades do departamento de Igualdade do concello, na asemblea do Consello Municipal da Muller convocada o próximo 18 de novembro, que se completará coa Mesa local da Violencia de Xénero o próximo 15 de decembro.

Accións dirixidas á mocidade

Un ano máis na semana do 25 N, o alumnado dos institutos serán protagonistas no programa de Igualdade. Nesta ocasión asistirán á representación de “Des-Alento”, creada e interpretada por Mónica Sueiro. Trátase dunha acción escénica que aborda os malos tratos psicolóxicos, que transcorre entre o metafórico e simbólico para finalizar compartindo co público unha vivencia de violencia do pasado.

Dende o departamento de Igualdade son conscientes da importancia de traballar coas novas xeracións e as diferentes mensaxes que reciben continuamente e que baséanse, en moitas ocasións, en ideas que sustentan comportamentos que promoven a desigualdade, como ocorre coa música.

“Letras de contido machista e denigrante para as mulleres e que deixan un pouso que vai perpetuando ideas que debemos desterrar da nosa sociedade”, explica a concelleira Nuria Lameiro, que anuncia unha serie de encontros con clubs deportivos – inicialmente- para ofrecerlles charlas sobre igualdade ao persoal directivo e, propoñer a desaparición dese tipo de música na megafonía dos encontros.

Gondomar en negro

Como en anteriores edicións convidouse ao comercio local a sumarse á campaña “En negro contra as violencias” e que visibiliza, con cartelería con mensaxes que lucirán nos seus escaparates, a súa oposición á violencia de xénero como mostra de que se trata dunha loita que debe gañarse conxuntamente secundada por toda a sociedade.

Acto central do 25 N

Como en anos anteriores faise un chamamento á cidadanía a sumarse á concentración que se celebrará ás 12.00 horas do mediodía na Praza Paradela, ante o concello, onde se lerá o manifesto redactado para a ocasión, tras o que se gardará un minuto de silencio en memoria das mulleres vítimas da violencia machista. O peche correrá a cargo dunha representación de danza, creada para a ocasión.

Ademais esta xornada instalarase o punto de Igualdade no que técnicas do Centro de Información da Muller (CIM) repartirán material específico da campaña de sensibilización en igualdade de oportunidades entre homes e mulleres como a mellor ferramenta para acabar coa violencia machista, así como os calendarios que cada ano deséñanse -financiados con fondos da Secretaría Xeral de Igualdade, dentro do marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero- reivindicando este ano os nomes daquelas pioneiras galegas que fixeron historia en distintos campos profesionais e sociais, abrindo camiño ás xeracións seguintes.