O IES Terra de Turonio celebra o Día do Patrimonio coa publicación do libro dixital “As imaxes do patrimonio”

O IES Terra de Turonio celebra este martes 16 o Día Internacional do Patrimonio coa publicación do libro “As imaxes do patrimonio” realizado no centro educativo con motivo da participación no Certame “As imaxes do patrimonio” que convoca Ponte… nas ondas!

No libro participan alumnos e alumnas de todos os niveis educativos da ESO e foi realizado durante o pasado curso escolar. A partir da convocatoria do Certame, o alumnado buscou nos álbums familiares fotografías en branco e negro que tivesen relación co patrimonio inmaterial en calquera dos seus ámbitos: tradición oral, eventos festivos, procesos artesanais, prácticas agrarias ou marítimas, etc.

As imaxes formarán parte dunha exposición no instituto e agora dixitalizáronse e edítanse xunto cos textos elaborados polo alumnado coa colaboración das familias. Nas páxinas do libro hai fotografías de emigrantes de Gondomar en Uruguai, traballadores nunha telleira de León, as leiteiras levando o leite a Vigo en burro, unha imaxe de 1928 do Entroido de Viana do Bolo, o antigo curro de Vilas en Morgadáns, a murga dos Terribles de Vincios, un retrato de Pacheco de 1938, as romarías de Santa Lucía de Vincios, da Virxe dos Aflixidos de Zamáns ou a de San Xián no Monte Aloia.

Programa desde Radio Piratona no Centro Cultural de Valadares de Vigo

Con motivo do Día Internacional do Patrimonio, 15 centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal asistirán á recolla dos premios do 4º Certame “As imaxes do Patrimonio” que Ponte… nas ondas! convoca cada curso escolar. O alumnado de Radio Turonio xunto coa emisora Radio Piratona realizarán a condución do acto cun programa de radio en directo que será emitido no 106.1 da FM e a través da web http://piratona.alg-a.org/ e de www.escolasnasondas.com. No acto presentarase unha publicación dixital interactiva que Ponte… nas ondas! está a preparar coas imaxes e os textos gañadores do Certame. Ademais da entrega dos premios, haberá unha actuación musical de Ce Orquestra Pantasma.