O PP de Baiona critica ao tripartito por gastar máis de 15.000 € na “non Festa da Arribada”

O Partido Popular de Baiona considera unha “irresponsabilidade” que o tripartito gastase polo menos 15.000 euros na Festa da Arribada deste 2021 a pesar de que finalmente non se celebrou pola situación epidemiolóxica provocada pola pandemia do Covid-19. No mes de marzo, data propia da festividade, tivo que suspenderse pola alta incidencia de contaxios e foi posposta para outubro, pero finalmente tamén decidiron anulala. Con todo, e aínda no medio desta incerteza que provocaba o coronavirus, o goberno local colocou valos publicitarios e promoción nos medios de comunicación con seis meses de antelación (anunciou en marzo a festa de outubro) por un custo superior a 4.000 euros.

Pero non só isto. Segundo descubriu o grupo municipal popular no pleno deste mes de novembro, o tripartito tamén pediu nesa data a unha empresa de eventos que se realizase un traballo de reprodución dun poboado maia por un custo de 11.858 euros. “Iso aínda sendo conscientes, ou así debería de ser, das altas posibilidades que había de que a Arribada de outubro tamén se suspendese e, no caso de que non fose así, que tivese que celebrarse cun formato máis reducido, con limitación de aforo e baixo unhas restricións moi concretas para as que non era conveniente realizar un gasto tan elevado”.

“Sabemos que a organización da festa hai que traballala con antelación, pero non é lóxico que nun ano de incerteza como este fáganse este tipo de contratacións tan caras cando ese diñeiro necesítano, por exemplo, os veciños afectados directamente pola pandemia”, reprochan os populares. “Por tanto, e polo momento, foron ao redor de 15.000 euros os que o goberno local malgastou na “non Festa da Arribada” sen que esta cantidade repercutise dalgunha forma na economía de Baiona”.