O programa «Aquí Galicia» estará este sábado en Gondomar

O programa “Aquí Galicia” terá este sábado como escenario a localidade de Gondomar, que esta fin de semana celebra a súa Festa da Rosquilla, unha das sobremesas máis tradicionais das Rías Baixas. Vanse repartir máis de 100.000 rosquillas na festa, así que os espectadores saberán como se elaboran estes doces e poderán observar todo o seu proceso de creación.

No apartado gastronómico do programa, como non podía ser doutro xeito, degustarase o produto rei da festa, pero tamén haberá tempo para falar do doce máis típico da localidade: a rosca.

Por outro lado, “Aquí Galicia” irá de turismo por Gondomar para visitar os seus diferentes atractivos, como o pazo do Conde, motivo de que esta vila sexa coñecida como vila condal. As cámaras do programa tamén visitarán algúns dos lugares e espazos naturais máis destacados do concello da man das dúas asociacións de moteiros da vila: os clubs A Ciento Cien e Os Rillasepas.

En Gondomar acaban de celebrar a II Gala do Deporte. Con este motivo, as cámaras do programa asistirán aos adestramentos dos equipos de patinaxe artística, de fútbol gaélico e de tenis da vila.

Esta localidade acolle tamén algúns dos mellores artesáns de toda Galicia. O programa entrará nos obradoiros do ceramista Antón Román, do tecedor Albino Quinteiro, quen posúe o tear máis grande de España, e do artesán Anxo Prada, que planta e pinta cabazas. Ademais, “Aquí Galicia” farase eco da iniciativa dunhas emprendedoras locais, que consiste en estampar vestidos e traxes con herbas e flores recollidas na zona de Gondomar.

Como en toda festa que se prece, non podía faltar a música, que correrá a cargo da orquestra Suavecito, do grupo de baile tradicional e de gaitas do Centro Cultural “A Merced” de Chaín, da academia de danza moderna LDanzia e do grupo de música tradicional Os Terribles de Donas.

Anuncios