O espectáculo infantil de monicreques “A Viaxe de Rosalía” chega a Baiona

O domingo 14 de novembro ás 12:00 horas o Multiusos de Sabarís acollerá o espectáculo infantil de monicreques “A Viaxe de Rosalía”. Chegará a Baiona Francisca do Campo, madriña de Rosalía de Castro. Vén cargada de libros, maletas, teas, zapatos e moitas cousas queridas para compartir con nós a traxectoria vital e artística dun símbolo irrenunciable para a cultura galega. A Francisca gústalle lembrarnos que Rosalía foi unha muller culta, traballadora, valente, e que interpretou como ninguén un tempo histórico na súa terra. A actividade organizada pola Concellería de Igualdade é gratuíta; non é necesario facer reserva, pódese acceder até completar aforo. A actriz e titiriteira Larraitz Urruzola válese da interpretación actoral, de monicreques de mesa de grande talla artística, así como da manipulación de obxectos acompañada dunha música moi acaída, un vestiario fermoso e dignísimo para os personaxes, en definitiva, das ferramentas da narración oral tradicionais para que coñezamos as pasaxes máis importantes da vida de Rosalía de Castro e a súa obra literaria.