Unha delegación do Fondo Galego presidida polo alcalde de Nigrán participa no Encontro de Gobernos Locais e Cooperación

Unha delegación de concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade liderada polo alcalde de Nigrán como presidente da entidade, atópase desde onte e ata mañá venres en Córdoba para participar no Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, que busca poñer en valor a cooperación ao desenvolvemento impulsada polos municipios. O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González; a secretaria da entidade e concelleira de Ames, Luísa Feijóo, e mais as edís de Lugo, Olga López e Paula Alvarellos, exporán as súas experiencias nas mesas que se organizan no Palacio de Congresos.

Tras a apertura institucional celebrada onte coa presenza do ministro de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, José Manuel Albares, a axenda galega arrincou hoxe ás 10:25 horas coa presentación “Lugo, cidade polo comercio xusto”, a cargo de Olga López, no Ágora Patio. Varios paneis desenvolveranse simultaneamente a partir das 12:00 horas, un deles sobre “Alianzas e redes para potenciar a cooperación municipalista en España”, no que Juan González presentará a Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, integrada por sete países de lingua oficial portuguesa e Galicia co obxectivo de fomentar a aprendizaxe mutua e establecer sinerxías para o cumprimento da Axenda 2030.

Xa pola tarde, ás 16:00 horas, o panel “Instrumentos e experiencias para impulsar a cooperación directa municipalista” contará coa intervención de Luísa Feijóo, quen explicará o programa de cooperación técnica con Tarrafal, en función do cal persoal técnico do Concello de Ames achega o seu asesoramento sobre o terreo no municipio caboverdiano. Na mesma xornada, dirixentes do Fondo Galego acudirán á xuntanza do Consello Confederal da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, da que a entidade forma parte.

O Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional, no que participan máis de 300 representantes de municipios e diversas institucións, culminará mañá venres cun diálogo protagonizado pola delegación mozambicana. As e os membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aproveitarán a xornada para reunirse coa Asociación Nacional de Municipios de Mozambique, coa que na actualidade ten en marcha dous proxectos de cooperación.