Un grupo da Asociación San Xerome Emiliani visita en Baiona a exposición “Amor, xénero e outra violencias”

Un grupo da Asociación San Xerome Emiliani da Guarda, concretamente o CEEPR San Xerome, visitou este mércores a exposición “Amor, xénero e outras violencias”. A concelleira de Igualdade de Baiona, Yasmina Moreira, ofreceulles unha visita guiada por toda a mostra, dándolles a benvida e explicándolles que esta mostra formaba parte da programación do “Novembro Lila”. A experiencia foi moi positiva e os rapaces e rapazas que acudiron expresaron que a exposición fíxolles pensar e poñerse na pel doutras persoas. En palabras dun dos asistentes, “é a primeira charla á que asisto que me fixo pensar tanto sobre violencia, marcho pensando o mal que o pasan as mulleres”. Esta mostra busca remover conciencias e sensibilizar ao público sobre a violencia machista. Dende a área de Igualdade animan aos demais centros educativos da contorna a que se poñan en contacto coa Concellería e visiten a exposición, que ocupará o Centro Multiusos de Sabarís até o 30 de novembro.