Xornadas de formación para as familias no CEIP Fontes Baíña

No CEIP Fontes Baíña continúan as actividades do proxecto da ANPA “A Igualdade: un mar de oportunidades”, subvencionado pola Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero con dúas citas dirixidas ás familias.

O venres 12 de novembro, ás 16:00 horas, a ANPA organiza unha charla da Garda Civil centrada nun dos eixes do seu proxecto: a promoción do uso seguro e responsable das redes sociais e de Internet. O relatorio enmárcase no Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas para o curso 2021/2022, impulsado desde Delegación do Goberno en Galicia e a Alta Inspección de Educación.

O luns 15 de novembro, ás 16:00 horas, Dinamo Xestión de Actividades Culturais ofrecerá un obradoiro sobre as novas masculinidades para sensibilizar e romper cos micromachismos e previr a violencia de xénero. A través de sinxelas dinámicas de grupo, xogos de simulación, xogos de rol, exercicios de análise, debate e propostas daranse a coñecer novas formas de exercer os roles de xénero, baseados sempre na igualdade e no respecto. Desta maneira as familias reflexionarán sobre como están educando ás súas fillas e fillos e que cousas poden cambiar ou aplicar. Todo isto desde unha metodoloxía lúdica, dinámica e participativa que conformará unha actividade interesante e atractiva para todos os membros da familia.

As persoas interesadas en participar nestas actividades poden apuntarse por correo electrónico no enderezo anpafontes@hotmail.es ou por teléfono nos seguintes números: 654 838 212 | 625 539 362.

Desde o comezo do curso, o CEIP Fontes Baíña está a traballar a igualdade e a prevención da violencia de xénero a través deste proxecto da ANPA centrado en tres eixes: as mulleres do mar de Baiona, a formación sobre o uso adecuado da internet e das TIC e a eliminación dos estereotipos de xénero. O proxecto rematará o 25 de novembro coa conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero no que a comunidade educativa renderá unha homenaxe moi especial á ex alumna do centro, Águeda González Portela.