O PP de Baiona acusa o tripartito de incrementar o gasto municipal coa externalización dos servizos

“O descontrol e o caos que caracteriza ao goberno local de Baiona está a engordar cada vez máis os gastos ordinarios do Concello”. Así o considera o Grupo Municipal Popular, que cada vez descobre unha maior externalización de servizos rutineiros que, ata a chegada do tripartito ao goberno, realizaban os operarios municipais durante a súa xornada laboral. “A improvisación na execución de tarefas comúns como a limpeza dos ríos, a poda das árbores ou o acondicionamento dos parques e xardíns provoca que sexan empresas contratadas “a última hora” as que teñan que acabar facéndoo”.

“Pero non ocorre só isto, tamén as ilegalidades son unha constante no día a día deste goberno local PSdeG, Bng, Nós no que a xestión económica e laboral refírese. Froito desta desorganización hai empregados públicos que están a desempeñar tarefas diferentes para as que foron previamente seleccionados e contratados (por exemplo, a través do Plan Concellos) e, por tanto, cuxa cualificación non corresponde coa función que desempeñan. Ocorreu en varias ocasións durante os meses de verán e continúa sucedendo neste momento”, afirman desde o PP.

Novamente, para os populares isto demostra que este tripartito non ten unha estratexia nin un plan para Baiona “máis que o de continuar cobrando as súas nóminas”. “En lugar de ser o goberno local quen leva o Concello, é o día a día do Concello quen atropela a este goberno”, describen os populares que lamentan que “un goberno que se define como progresista estea a acabar cos servizos públicos municipais e non vele polos dereitos laborais dos traballadores”.