Nigrán invita a comercio e entidades a tinguirse de negro o 25 de novembro

O Concello de Nigrán sumarase como cada ano á conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero o 25 de novembro coa celebración durante todo o mes de diversos actos alusivos e cunha nova campaña baixo o lema “Non da igual 25 N contra as violencias machistas”. Por este motivo, novamente o Concello invita aos establecementos comerciais, entidades ou colexios a que se adhiran e soliciten participar para así facilitarlles material promocional ao respecto. Os interesados só teñen que enviar un mail ao cim@nigran.org ou whatsapp ao 650271896 ou chamar ao teléfono do CIM (Centro de Información ás Mulleres) 986383081 facilitando en todo caso os datos de establecemento ou entidade social (nome, enderezo, teléfono e mail) e os datos dunha persoa de contacto.

Desde o Concello anímase de novo ao sector do comercio a involucrarse nesta edición vestindo de negro os establecementos en sinal de loito por todas as mulleres que sofren violencia ou de lila en referencia ao rexurdir da forza das mulleres que se levantan contra a violencia. O obxectivo é converter a localidade nun gran escaparate que transmita unha mensaxe de rexeitamento da violencia de xénero e solidariedade coas vítimas. Nos anos anteriores máis de 160 establecementos nigraneses de todo tipo participaron na campaña e o obxectivo é superala.

O día 7 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Dende 2003 ata setembro de 2020, a Delegación do Goberno rexistrou 65 asasinatos machistas en Galicia e 1.081 no Estado; dende o 2013 ata 2019, 278 menores foron vítimas mortais da violencia de xénero. Por todo elo, o Concello de Nigrán considera que a situación actual precisa dunha resposta unánime de rexeitamento de todas as formas de violencia.