O Marías adianta ao Okofen na Liga de Outono de J80

Despois de dúas xornadas tentando superalo sen éxito, o Marías do portugués Manel Marías logrou adiantar este sábado ao Okofen de Javier de la Gándara na clasificación xeral da Liga de Outono AEDAS Homes J80, organizada polo Monte Real Club de Yates.

Ambas as dúas tripulacións manteñen un intenso man a man polo podio desde o inicio da competición, e a vitoria do Marías na terceira xornada da liga foi o que lle permitiu arrebatarlle o liderado ao Okofen, que este sábado lograba un quinto posto na única proba disputada.

Foi sen dúbida unha xornada moi complicada polo vento, que tardou en establecerse e non soprou coa intensidade desexada. Isto provocou atrasos no inicio da competición, a anulación dunha proba a metade de percorrido e o acortamento da única manga que se puido disputar. Houbo ademais dúas chamadas xerais coa consecuente repetición das saídas.

Un escenario moi revolto para unha frota que deixou moitas sorpresas na auga. A principal, o ascenso do Marías ao primeiro posto da clasificación por encima do Okofen, que este sábado entraba quinto na liña de chegada. Os portugueses lograron a vitoria tras un final de infarto co Spaco, ao que lograron adiantar nos últimos metros.

Os vigueses, que estiveron liderados por Javier Martínez Valente ante a baixa de Santiago Estévez por lesión, quedaron a apenas uns segundos da vitoria de etapa. Por detrás deles entrou outro dos barcos destacados da xornada, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, ao que prexudicou a anulación da primeira proba, na que ían primeiros.

Marías, Spaco e Alboroto foron os vencedores da terceira xornada da Liga de Outono AEDAS Homes J80, pero deles só o Marías ostenta unha posición de podio na clasificación xeral.

Vai primeiro con 9 puntos, seguido moi de preto polo Okofen de Javier de la Gándara, con 11 puntos; e a algo máis de distancia, con 22 puntos, sitúase o Cansino de Alejandra Suárez. No medio da táboa, agrúpanse con moi pouca separación un grupo de catro barcos. Son o Mondo de Bernardo Macedo, con 41 puntos; o SND Cormorán de Francisco Martínez, con 45 puntos; o Namasté de Luis de Mira, con 46 puntos; e o Miudo de Yago Marquina, con 47 puntos.

Ademais de competir, a frota que se disputa a Liga de Outono AEDAS Homes J80 recibiu este sábado as primeiras instrucións do adestrador olímpico Carlos Llamas, que se estreou como preparador dos monotipos baioneses de fronte ao mundial da clase que o Monte Real Club de Yates organizará en 2023.

Tras observar ás tripulacións na auga e gravar vídeos das súas manobras, Llamas mantivo un briefing cos diferentes equipos nas instalacións do club baionés. Foi a súa primeira toma de contacto cos regatistas, cos que aos poucos irá profundando en posibles melloras.

O malagueño continuará co adestramento das tripulacións na próxima xornada regateira, prevista para o día 20. Será a cuarta das cinco etapas que ten programadas a Liga de Outono AEDAS Homes J80, cuxo final está previsto para o 18 de decembro.