O ciclo da Xunta “O país das bandas” chega o sábado a Nigrán coa Agrupación Musical de Belesar

O ciclo “O País das Bandas”, promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, chega o sábado a Nigrán, cun concerto da Agrupación Musical de Belesar, procedente de Baiona. A actuación terá lugar ás 19:00 horas na Praza do Concello.

A formación musical ten a súa orixe en 1997, cando o seu actual director, Javier Domínguez Millán, comeza a impartir música como actividade extraescolar no Colexio Público de Belesar. Un ano máis tarde sería a presentación oficial da agrupación. Na actualidade conta cunha escola de música que forma a uns 50 alumnos.

O repertorio previsto para o sábado inclúe as pezas Cantigas e agarimos, Memoria de Gallaecia, Olimpo dos celtas e Airiños aires. Soarán tamén Santana a portrait, Agárrate saxo, Santa Comba, Pepa, Feiticeira e El gato montés.

“O País das Bandas” arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 19 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.