Stop Eólicos convida á presentación masiva de alegacións contra o proxecto Albariño I na Serra da Groba

A Rede Galega Stop Eólicos (RGSE) convida á presentación masiva de alegacións contra o proxecto eólico Albariño I ata o vindeiro 18 de novembro e lembra que carece de licenza social e que os Tribunais terán a última palabra. “A paisaxe galega non se pode deixar en mans de empresas vencelladas a paraísos fiscais e a ERTES”, apuntan.

“A Xunta de Galicia facilita o espolio eólico dos montes veciñais en man común da Serra da Groba a favor de Acciona a través dun acordo da Xunta de Galicia de 29 de xullo de 2021, polo que declara o parque eólico Albariño 1 como iniciativa empresarial prioritaria e a tramitación de urxencia deste proxecto, polo que só concede ao público e ás persoas afectadas 15 días para alegar. Trátase dun acordo que reflicte a historia dun espolio amañado para facilitar a perda de soberanía das comunidades de montes sobre os seus territorios históricos”, denuncian.

Así mesmo recordan que no ano 2020 a decisión do Ecofin de incluír a Panamá e ás Illas Caimán entre os Estados non colaboradores na transparencia financeira “situaba en terreo pantanoso a 28 filiais de ACCIONA”. “Adoitan ser entidades instrumentais ou financeiras que se utilizan para mover diñeiro. Unha das prácticas máis habituais de elusión fiscal das multinacionais consiste en triangular beneficios entre sociedades filiais para xerar, en ocasións aparentemente, gastos cos que as ganancias, e en consecuencia a súa tributación, redúcense. Por outra banda, a empresa ACCIONA foi a única empresa do lbex 35 que en plena pandemia polo coronavirus enviou os traballadores a un ERTE”.

Desde RGSE afirman que non é o único caso de empresas coas que a Xunta de Galicia colabora estreitamente para a facilitación do espolio eólico. “Tamén está o caso de IBERDROLA e NATURGY, ambas as dúas con paraísos fiscais e a primeira vencellada tamén a supostas tramas de corrupción cando en xuño deste ano un xuíz imputaba ao seu presidente por supostos encargos de espionaxe ao comisario xubilado Villarejo”.

A importancia secular dos montes da Groba e a Paisaxe

Está amplamente documentada a presenza humana ininterrumpida desde o Paleolítico. Todo o curso baixo do Miño e as súas áreas de influenza dun e doutro lado do río gardan milleiros de evidencias arqueolóxicas que xustifican esta afirmación. Están rexistrados nesta zona os más antigos xacementos paleolíticos coñecidos en Galicia, a evidencia do primeiro asentamento neolítico do noso país, multiplicidade de xacementos megalíticos, de arte rupestre prehistórica, do castrexo, da romanización…

Con diferentes niveis de acerto hai quen asegura que estes montes foron hai moitos séculos o centro do territorio de Turonium, antiga provincia ou condado de orixes incertas, ou o seu pasado galaico. Outros afirman que sería un territorio xa romano e por último dise que podería ser unha provincia dos suevos.

As cotas máis altas exceden os 600 metros, como os Altos da Groba, e o do Galiñeiro, o Lousado, o Corno Ladredo, As Teixugueiras, O Carroubelo… Polo oeste linda co Océano Atlántico, formando unha agreste costa rochosa con montañas case a pé de mar dunha elevación de máis de 500 metros. Desde todos estes altos obteremos unhas panorámicas impresionantes, cunha gran visión de todo o sur da provincia de Pontevedra e do norte de Portugal, da outra banda do “pai Miño”. Ao leste linda coa Serra do Argalo, ao Sur coa Guarda e ao norte con Val de Miñor e o mar de Baiona e Panxón.

Asina:

Rede Galega Stop Eólicos (RGSE):
– Alianza Fragas do Sar
– Amigas das Árbores
– Asemblea do Suído
– Asociación A Volta Grande do Courel
– Asociación Cultural Os Penoucos
– Asociación Cultural, ecoloxista e de montaña Arnau
– Asociación Ecoloxista SOS Groba
– Asociación Monte Galego
– Asociación para o Coidado da Terra Carabel das Cabras
– Asociación Petón do Lobo
– Asociación Salvemos Monteferro
– Assoc. Rente ao Cauce
– Associaçao Monte da Chá
– Associaçao Socio-Cultural O lribio
– CMVMC Monte Meme de Oza
– Co-mando Ghichas
– Contramínate Asociación Ambiental
– Figurando Recordos – Sasdónigas
– Fundaçao Montescola
– lnformAltaTensión Arteixo
– Instituto Armegin
– Instituto de Estudos Miñoráns (IEM)
– Movemento Ecoloxista da Limia (MEL)
– Patrimonio dos Aneares
– Plataforma de afectadas/os eólicos Vila de Cruces
– Plataforma Cerdido di non
– Plataforma de Defensa da Serra do Galiñeiro
– Plataforma Eiqui Eólicos Non
– Plataforma Interior Galega Vivo (IGV). Chantada
– Plataforma Non ao Parque Eólico do Castrove
– Plataforma Salvemos a Comarca de Ordes
– Plataforma Stop Eólicos no Baixo Ulha
– Quijote de Outes
– Salvemos o Támega
– Sindicato Labrego Galego (SLG)
– Stop Eólicos Xurés-Celanova
– Tarabelas Terra de Montes