Pedro Alonso, padriño do Banco de Alimentos de Vigo para a Gran Recollida 2021

O actor Pedro Alonso é desde hoxe o novo padriño do Banco de Alimentos de Vigo para a Gran Recollida 2021 que se celebrará do 19 ao 25 de novembro en supermercados de toda a provincia. O tamén escritor e pintor recibiu esta mañá na nave de Lavadores o peto de voluntario que lle acredita como novo embaixador da ONG tomando así a substitución da súa antecesora, a xornalista María Rey. Tras o obrigado parón de 2020 con motivo da pandemia, o Banco de Alimentos recupera unha das súas tradicións máis entrañables: contar co apoio dun rostro coñecido con gran proxección mediática para concienciar e animar a participar na Gran Recollida.

Alonso comprometeuse de inmediato co Banco de Alimentos cando se puxeron en contacto con el e, se non fora pola Covid19, xa sería o seu embaixador en 2020. En declaracións aos medios e co peto de voluntario xa posto, o vigués asegurou que “axudar na Gran Recollida é unha marabillosa maneira de que nos sosteñamos os uns a outros” e agregou que ser padriño é “unha toma de terra” á realidade máis próxima, “a que realmente vale a pena”.

Pola súa banda, o presidente do Banco de Alimentos, Iván Martínez, destacou a empatía e xenerosidade de Alonso quen, a pesar de estar no máis alto de popularidade na actualidade polo seu traballo na serie La Casa de Papel de Netflix, non esquece as súas orixes e é capaz de poñerse na pel das persoas máis vulnerables. “Estamos agradecidísimos que na súa axenda tan apertada fixese un oco e estéanos apoiando desta maneira”, sinalou Martínez.

Gran Recollida, cento por cento virtual

A Gran Recollida celebrarase do 19 ao 25 de novembro en practicamente todos os supermercados da provincia. Do mesmo xeito que o ano anterior, a campaña solidaria desenvolverase de maneira cento por cento virtual, aínda que a novidade deste ano é que haberá unha maior presenza de voluntari@s informativos. Súmanse, así, á campaña que realizarán a nivel nacional os 54 Bancos de Alimentos asociados á Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O lema deste 2021: É tempo de colaborar, #elhambrenoespera.

A dinámica da Gran Recollida será a mesma do ano pasado. Achegas económicas do 19 ao 25 de novembro ao pasar pola caixa dos supermercados, así como donativos a través da súa web: www.bancoalimentosvigo.org e Bizum: código 01139.

Traxectoria profesional

Pedro Alonso, nacido en Vigo, é licenciado pola Real Escola Superior de Arte Dramática en Madrid. Na actualidade, goza de gran proxección internacional grazas ao seu personaxe de Berlín en La Casa de Papel de Netflix e, recentemente, acaba de publicar Libro de Filipo da editorial Grijalbo, unha viaxe a outra vida a través dun regresión persoal.

Actor, pintor e escritor. Alonso é un artista polifacético que comezou a súa andaina profesional no cinema coa película Alma gitana (1996) e tras abordar numerosos papeis e xéneros, interpretou Padre Casares (2008-2015), serie de enorme éxito de Televisión de Galicia. Os seus traballos en Hospital Real (2015) ou Gran Hotel de Antena 3 (2011-2013), así como en longametraxes como La playa de los ahogados (2015) ou El Silencio del Pantano (2019) achegáronlle unha importante popularidade.

Alonso súmase desde hoxe á lista de padriños e madriñas da Gran Recollida: María Rey (2019), David Amor (2018), Carlota Corredera (2017), Gonzo (2016), María Castro (2015), Luis Tosar (2014) e Borja Oubiña (2013).

Actividade Banco de Alimentos

A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de 2 millóns de quilos de comida durante 2020, un 17 por cento máis con respecto ao ano anterior, debido ao estalido da pandemia e as súas negativas consecuencias. Xa no primeiros seis meses deste 2021, entregou máis dun millón de quilos de alimentos.

A ONG, apolítica e aconfensional, atende a máis de 20.000 persoas sen recursos na actualidade ás que chega a través das 150 entidades homologadas coas que traballa. O seu principal obxectivo é cumprir cun dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta.