Nigrán Decide demanda do goberno local xestións para mellorar a conexión a internet no municipio

O grupo municipal de Nigrán Decide preguntará ao goberno municipal no pleno deste xoves se fixo algunha xestión ante as operadoras de telecomunicacións para que inclúan a Nigrán no desenvolvemento de proxectos que teñan como obxectivos a extensión da banda larga de nova xeración ás zonas do concello denominadas como zonas brancas NGA.

Tamén preguntará se participou no proceso de consulta pública aberta realizado polo Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital para contrastar a veracidade da información reportada polas operadoras con relación de núcleos de poboación que non dispoñen de cobertura de redes de banda larga de nova xeración.

Cómpre destacar que, segundo a información facilitada polo Ministerio, estas zonas brancas que non dispoñen de cobertura de redes de banda larga de nova xeración afectan a un total de 13.142 persoas residentes en Nigrán (74,70% da veciñanza), abarcan á totalidade da poboación das parroquias de Camos, Chandebrito e Parada, ao 50% da poboación da parroquia de Nigrán, ao 66% da poboación de Panxón, e ao 83 % da poboación das parroquias de Priegue e A Ramallosa.

A isto hai que sumarlle que, segundo datos de cobertura facilitados polo mesmo Ministerio, no ano 2016 un 50% da veciñanza non chegaba a ter unha cobertura en redes fixas cunha velocidade de máis de 10 Mbps e, cando menos, o 10% da poboación non chega a unha cobertura en redes fixas cunha velocidade de máis de 2 Mbps.

“Aínda que somos conscientes de que non é unha competencia municipal, -sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide-, cremos que o goberno municipal debe facer xestións ante as operadoras para mellorar a cobertura de banda larga”.

Anuncios