O ascensor financiado pola Deputación soluciona a accesibilidade da Casa da Cultura de Gondomar

A accesibilidade á Casa da Cultura de Gondomar xa non é un problema. As obras de eliminación de barreiras arquitectónicas e instalación de ascensor remataron despois dun investimento de 50.728 euros, achegados pola Deputación a través do Plan Concellos. A actuación foi visitada polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font; o alcalde, Francisco Ferreira, e a concelleira e deputada Iria Lamas.

O edificio, situado na rúa Manuel Alonso de Gondomar, está distribuído en andar baixo, dous andares e baixo cuberta. Contaba, ata o de agora, cun núcleo interior de escaleiras como única opción para os desprazamentos verticais. Ademais, existían chanzos na comunicación do porche cuberto da entrada coa rúa. Por todo elo, resultaba un inmoble sen accesibilidade e con obstáculos insalvables para as persoas con mobilidade reducida. Trátase dun equipamento cultural que é moi utilizado pola veciñanza ao albergar no andar baixo a aula municipal de informática e o despacho da traballadora social. No andar primeiro está a Biblioteca Municipal, incluíndo a sala de lectura. No segundo andar hai un amplo salón de xuntanzas e no baixo cuberta está o arquivo e zona de almacenaxe.

O novo ascensor conta cunhas dimensións homologadas que permite a entrada de persoas con cadeira de rodas e comunica os andares baixo, primeiro e segundo. Ademais, solucionouse o problema do chanzo no portal principal cunha rampla homologada e unha plataforma uniforme que permite a accesibilidade dende a rúa Manuel Alonso.

Durante a visita, o deputado Carlos Font destacou a colaboración permanente da Deputación na asistencia aos concellos, posibilitando que estes afronten todo tipo de obras e actuacións para mellorar os servizos que prestan á cidadanía. Neste caso, engadiu, “estamos diante dun bo exemplo da utilidade dese Plan Concellos que a Deputación reparte, de xeito regrado e con total transparencia, entre tódolos municipios da provincia menores de 20.000 habitantes e que durante este ano 2021 mobilizou 42,5 millóns de euros”.

Francisco Ferreira agradeceu o apoio da Deputación, que cualificou como “vital” para os concellos da provincia e coincidiu na importancia de poder dispor duns fondos regrados “que nos permiten afrontar gran parte dos investimentos que acometemos”. “A Deputación converteuse nestes últimos anos na institución que máis colabora cos concellos, sen dúbida algunha”, concluíu.