Nigrán urxe á Xunta a desafección da casa dos mestres de Balinfra para empregala cun fin social

Concello de Nigrán, Asociación de Veciños de Camos e Centro Cultural A Camoesa urxen novamente á Consellería de Educación a que outorgue a desafección da casa dos mestres de Camos (en Balinfra, no número 45) para poder recuperala para un uso público ao estar desocupada desde hai anos. Adicionalmente, o grupo parlamentario socialista remitiu o 27 de outubro unha solicitude ao respecto á Mesa do Parlamento de Galicia, mentres que o goberno local presentará unha moción no vindeiro pleno en consonancia coas entidades veciñais da parroquia.

“Levamos anos solicitándoa, a Xunta contestounos no seu momento que estaba adxudicada a unha mestra de fóra da parroquia que residía nela e en marzo enviamos incluso un informe policial que o desminte, desde entón non temos resposta algunha e agora está sobre a mesa unha necesidade real para empregala temporalmente como vivenda de emerxencia, un dos fins sociais que podería cubrir”, recalca o alcalde, Juan González, quen lamenta esta despreocupación da Xunta por un inmoble en desuso, adxudicado a un particular, e que os propios veciños de Camos reclaman que sexa devolto.

Así, tras dúas peticións oficiais anteriores por parte do Concello e mesmo da entidade veciñal de Camos, a Xunta alegou que nela vivía unha docente, motivo polo que o Concello de Nigrán, nun terceiro intento, remitiu o pasado mes de marzo un informe policial exhaustivo realizado durante meses e que acredita que indubidablemente permanece deshabitada, circunstancia que os propios veciños veñen denunciando desde hai anos.

“É de xustiza que o Concello poida dispoñer dela para un uso social porque se atopa nun estado de abandono que prexudica ao propio inmoble”, xustifica o alcalde, quen reitera a súa vontade de rehabilitala, tal e como fixo coa súa xemelga pareada ao acadar a súa desafección no 2017 (foi cedida ao CEE Juan María para programa de respiro familiar).

Deste xeito, neste recinto de Balinfra o Concello de Nigrán si dispón desde 2015 das antigas escolas infantís (empregadas, entre outras cousas, para clases de pintura ou local de ensaio das pandereteiras de Camos) e desde 2017 dunha destas dúas casas vinculadas, restando só a desafección educativa da segunda en cuestión. A edificación completa foi construída hai máis dun século para fogar dos profesores de Camos e consta dun volume de 339 metros cadrados divididos en dúas vivendas pareadas (números 43 e 45). Cada unha conta con 80 metros cadrados de planta, dous pisos e xardín nunha parcela municipal de 2.789 metros cadrados acondicionada como parque infantil.

“Non hai dúbida que desde hai moitos anos non ten uso residencial pese a que a mestra á que está adxudicada o negue, o poden confirmar os propios veciños pero ademais tomamos a iniciativa de acreditalo documentalmente desde novembro de 2020 á actualidade para tratar de desbloquear esta situación que prexudica ao municipio e indigna”, defende o alcalde.

“A vivenda é un dereito básico das persoas que contribúe á súa integración social e calidade de vida, é moi importante que Nigrán conte con esta casa en desuso para poder destinala a un fin social», reitera o rexedor, quen incide en que, precisamente, o único “parche” do recinto de Balinfra é esta casa abandonada. “Gustaríanos poder rehabilitala e integrala nos diferentes usos que se dan actualmente en Balinfra porque xa comprobamos que uns e outros se benefician da presencia mutua”, finaliza González.