O TSXG dá a razón á Xunta e Baiona queda sen a reforma da Praza Victoria Cadaval

O goberno local de Baiona, formado por PSdeG, BNG e Nós, e que preside o socialista Carlos Gómez, incumpriu o acordo coa Xunta polo cal a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ía investir no municipio 1,16 millóns de euros para converter a Praza de Victoria Cadaval nun lugar moderno e accesible. O tripartito non entregou os terreos que lle correspondían e, tal e como adiantou o Grupo Municipal Popular, e agora ratifican os tribunais, a consecuencia disto foi a perda definitiva desa axuda, unha das máis importantes para Baiona. Isto é o que reafirma a sentenza firme ditada polo TSXG e coa que avala a decisión da Xunta de resolver definitivamente o contrato que no seu momento asinou co anterior goberno local do PP e cuxo proxecto o tripartito mantivo paralizado durante meses.

“Advertímosllo no pleno de decembro de 2019, que se non poñían os terreos ao dispor da Xunta, as obras non podían empezar e perderían o diñeiro”, lembran os populares. “Só tiñan que realizar esa sinxela tramitación porque o resto do procedemento xa estaba finalizado, pero decidiron non seguir co expediente para darlle unha nova perspectiva”, tal e como confirmou o propio concelleiro de Urbanismo en resposta ás preguntas dos populares na sesión plenaria. Iso a pesar de que tres días antes recibiran o segundo requirimento da documentación que faltaba e coa advertencia por parte da Xunta das consecuencias do vencemento do prazo. “Non só son incapaces de levar adiante ningún proxecto senón que nin sequera executan os traballos que o PP deixou totalmente preparados”, lamentan desde o PP Local.

“Como mostra da soberbia que lles caracteriza, aínda por encima inician un procedemento xudicial que estaban abocados de antemán a perder e no que o xuíz foi moi claro tal e como se extrae do texto da sentenza”, afirman os populares, que recolle que “o Concello non acredita nin alega na súa demanda que puxese ao dispor da Consellería os terreos necesarios, libres de cargas e gravames e co réxime urbanístico adecuado, para a execución das obras obxecto do convenio, nin tampouco acredita nin alega que achegase a certificación xustificativa da dispoñibilidade dos terreos. Non cumpriu con eses compromisos nin antes do acordo que declara a resolución do convenio nin despois do mesmo. E da lectura da demanda non se deduce que estea en condicións de cumprir ese compromiso nin a súa vontade de facelo, nin queda probada ningunha causa que poida xustificar ese incumprimento”.

“Agora, non só Baiona perdeu os 1,16 millóns de euros cos que a Xunta ía custear o 100% do proxecto de remodelación da praza de Sabarís para convertela nun espazo moderno e accesible, senón que o Concello vese abocado a pagar as custas procesuais co diñeiro de todos os veciños”, conclúen desde o PP