O Concello de Nigrán acorda con Correos a posta en marcha do rexistro dixital Orve na oficina do municipio

O Concello de Nigrán vén de adherirse á plataforma Orve de Correos para que os veciños poidan remitir telemáticamente calquera información ao consistorio (copias autenticadas de solicitudes, notificacións…) desde calquera oficina e coa máxima garantía xurídica. Esta “Oficina de Rexistro Virtual” funciona desde esta semana tamén na sede de Correos en Nigrán, onde adicionalmente é posible, grazas a un acordo co ORAL, pagar os tributos municipais.

“O obxectivo é rachar coa fenda dixital ofrecéndolle á veciñanza con menos destrezas tecnolóxicas a posibilidade de relacionarse telemáticamente co seu concello”, explica Carlos Meijome, director de Correos na área, mentres que o rexedor, Juan González, incide en que contribúe a mellorar a comunicación entre as administracións e a cidadanía, algo especialmente interesante no caso de Nigrán pola gran cantidade de segundas residencias.

No encontro entre González e Meijome falaron tamén da posibilidade de establecer un convenio de colaboración en materia de paquetería e loxística pensando especialmente no pequeno comercio do municipio.