Nigrán dedica este sábado á figura do escritor Bernardino Graña

O Concello de Nigrán continúa este sábado 30 de outubro coa programación especial “A Nosa Memoria” cunha xornada dedicada ao célebre escritor en lingua galega Bernardino Graña, usuario da residencia Stella Maris de Panxón desde hai décadas. Así, o Auditorio Municipal acollerá ás 20:00 horas a proxección do documental “O home que quixo vivir”, de Xan Leira, e neste mesmo acto, que pon fin á exposición baixo o mesmo título inaugurada a inicios de mes, presentarase o libro de Heitor Mera “Cartas de Bernardino Graña”.

“Bernardino Graña é un ilustre escritor galego que temos a sorte de ter como veciño”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que desde o Concello xa se está a traballar para o ano 2022, nos seus 90 anos.

“A obra de Bernardino Graña (Cangas, 27.09.1932) é magna. Poesía, narrativa, teatro, conferencias… Un creador e un intelectual de altura que colaborou na modernización da nosa literatura dende moitos lugares desde os que loitar. Puxo toda a súa intelixencia ao servizo do seu pobo”, reflicte a propia mostra de Xan Leira sobre o impulsor e primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade que o vén de nomear presidente honorífico. Foi catedrático de lingua e literatura ata a súa xubilación en 1991. Desde ben mozo formou parte do Consello de Redacción da revista poética Alba. Participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta en numerosas publicacións. En 1958 participa na creación do grupo Brais Pinto. É autor dunha decena de magníficos poemarios, un destacado libro de relatos, unha orixinal novela, máis dunha vintena de salientables títulos infanto-xuvenís e preto de media ducia de pezas teatrais de relevo que merecen maior divulgación no conxunto da sociedade galega e, moi especialmente, entre a xente nova, á cal dedicou unha parte significativa da súa obra escrita na súa residencia moañesa de Tirán.