Gondomar recibe de Caixabank 5.000 € anuais para adquirir alimentos

Un ano máis o Concello de Gondomar e Caixabank aúnan esforzos para axudar ás familias máis vulnerables do municipio coa achega, por parte da Obra Social da Fundación la Caixa, de 5.000 euros anuais que se destinarán á adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade.

A entrega simbólica escenificouse esta mañá coa presenza da directora de área de negocio Pontevedra Sur, Cristina Vega, e o director da sucursal en Gondomar, Alberto Sorribes, así como o alcalde, Paco Ferreira, e a concelleira de Benestar Social, Nuria Lameiro. Estiveron acompañados por dous dos voluntarios que acoden puntualmente ao banco municipal de alimentos, Jose Luís Moreno e Jose Luís Fernández.

Paco Ferreira agradeceu o apoio que “sempre atopamos por parte da Fundación en cuestións deste tipo” e lembrou a importancia de manter a colaboración entre o sector privado e público á hora de “buscar solucións e ferramentas para favorecer e axudar aos máis vulnerables da nosa sociedade”.

Pola súa banda os representantes de Caixabank mostráronse moi interesados en coñecer as distintas iniciativas que ten en marcha o departamento de Benestar Social no municipio, comprometéndose a estudar posibles colaboracións no futuro noutros ámbitos.