Podemos Nigrán presentará alegacións ás modificacións de crédito aprobadas inicialmente en Pleno

A formación local de Podemos Nigrán efectuará alegacións ás novas modificacións orzamentarias aprobadas na sesión plenaria deste luns, tras ter coñecemento na propia sesión plenaria da existencia de reparos de intervención e tendo en conta o serio risco que corre a estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira do Concello de Nigrán debido ao malgaste que se está producindo este último ano.

O remanente de tesourería inicial co que contaba o Concello era de 9.560.096,78 euros, non obstante tras as modificacións orzamentarias deste último ano dos aforros da cidadanía de Nigrán quedaría pouco máis de 1.000.000 de euros, a formación morada considera que a corporación local está a actuar con moi pouca responsabilidade e sen ter en conta a regra de gasto.

“Un dos importes máis rechamantes son os 40.000 euros que se destinarán a un convenio coa Asociación para a repatriación do mosaico romano de Panxón, un trámite que xa fora iniciado no 2019 a cargo da sociedade estatal Acción Cultural Española e que aínda sendo un proceso máis lento suporía un custe cero para o Concello, xa que sería esta entidade a que se fixera cargo”, sinalan desde o Círculo Local, que considera que Nigrán ten outros gastos prioritarios.

Tamén queren subliñar a incoherencia deste Goberno Socialista subvencionando a entidades privadas con cantidades excesivas e deixando totalmente de lado os servizos públicos e as políticas sociais.