Sin categoría

Baiona celebra o domingo o VIII Trail Serra da Groba con 700 inscritos

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona organiza o vindeiro domingo, día 31 de outubro, a 8ª edición do Trail de Montaña Serra da Groba. Existirán dous tipos de proba: o Trail, de 25 km, e o Trailiño, de 15 km, cun itinerario que percorre os montes da Serra da Groba, utilizando pistas forestais, carreiros tradicionais e tramos de asfalto á saída e á chegada a meta. O evento, que conta cun total de 700 inscritos -300 no Trail e 400 no Trailiño- foi presentado este martes no Cruceiro da Santísima Trindade.

As saídas serán desde o Pavillón Municipal de Baiona ás 9:00 para o Trail, e ás 10:00 para os do Trailiño. O vindeiro venres día 29 de outubro desde as 17:00 ata as 21:00 horas no Pavillón Municipal de Baiona farase entrega a todos os participantes do Trail e Trailiño o seu dorsal para participar. Tamén haberá opción de recoller o sábado 30 de 10:00 a 13:00 e 17:00 a 21:00 horas e o propio día da carreira desde as 8:00 horas ata momentos antes de dar as saídas nas diferentes distancias.

O sábado realizarase ademais no Pavillón Municipal de Baiona a partir das 19:00 horas unha charla técnica-informativa para todos os participantes, na que poderán aclarar todas aquelas dúbidas e necesidades que poidan ter.

Será totalmente obrigatorio por parte dos participantes levar consigo teléfono móbil con batería suficiente ante posibles necesidades que poidan xurdir durante a carreira así como levar líquido para hidratarse durante o percorrido, dispoñendo de puntos de avituallamento a maiores.

Establécense trofeos para os gañadores absolutos tanto en categoría masculina como feminina para os participantes do Trail e Trailiño, así como aos 3 primeiros de cada categoría. Tamén haberá trofeos para os primeiros clasificados locais de Baiona e para os equipos gañadores de ambas as dúas probas competitivas, así como aos participantes máis maiores que logren realizar as súas distancias. A entrega de premios está prevista para as 14:30 horas no Pavillón de Deportes.

Por normativas Covid será obrigatorio nas zonas de máxima aglomeración de participantes o uso de máscaras, no Pavillón Municipal, zonas de saída, meta, avituallamentos, control e en todo aquel espazo durante o percorrido onde as distancias de seguridade sexan máis achicadas por aglomeración de xente.