Ángel Rodal releva a Carmen Amoedo como deputado provincial

Ángel Rodal Almuiña releva a Carmen Amoedo Dasilva como deputado provincial no Partido Xudicial de Vigo tras o pacto entre compañeiros realizado en 2019. Desde o grupo provincial, así como o presidente, Alfonso Rueda, agradecen a Carmen Amoedo “o seu traballo exemplar desde o primeiro día, sabendo que tiña por diante un traballo de dous anos”. “Fixo un labor incansable, a súa implicación foi total para defender os intereses dos veciños de Redondela, de todo o partido xudicial e do resto da provincia”.

Ángel Manuel Rodal Almuiña naceu en Baiona o 6 de maio de 1967. A súa traxectoria profesional está ligada á medicina natural. A súa especialidade é a terapia curativa da saúde. Durante 17 anos traballou na súa consulta privada de Sabarís como terapeuta de técnicas complementarias, traballando disciplinas como a acupuntura, a osteopatía e a naturopatía. No seu haber ten diversos cursos que o acreditan como experto, entre eles un Posgrao en China de masaxe Tuina. Tamén foi profesor de técnicas parasanitarias nos centros de Vigo, Coruña, e Ferrol durante 4 anos.

Rodal ten unha extensa carreira na política municipal de Baiona, pois leva nela desde o 2003. Desde ese mesmo ano ata novembro de 2004 formou parte da oposición, a pesar de que os populares foron a lista máis votada naquelas eleccións.

Desde novembro de 2004, despois de que prosperase a moción de censura ao por entón equipo de goberno formado por PSdeG e BNG, Rodal entrou a formar parte do goberno baionés xunto ao PP pasando a ocupar ata o 2007 a Concellería de Medio Ambiente. Tras as eleccións municipais dese ano, ocupou a Concellería de Turismo ata o 2011. Desde o 2011 ostentou o cargo de Primeiro Tenente de Alcalde, función que ata 2015 compaxinou coa Concellería de Medio Ambiente e coa de Vías e Obras. Tras as eleccións de maio de 2015 Rodal mantivo o seu cargo como Primeiro Tenente de Alcalde, conservando a Concellería de Medio Ambiente e sumando a de Deportes, ata que no mes de outubro converteuse no novo rexedor de Baiona tras a renuncia do seu predecesor, Jesús Vázquez Almuíña, ao ser nomeado novo conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia.

Na actualidade, tras perder a alcaldía nas eleccións municipais de 2019, é o portavoz do Grupo Municipal Popular de Baiona.