Alberto Meira logra o seu primeiro triunfo do ano na Copa Top Ten Pirelli

A penúltima cita da tempada, o Rallye San Froilán, supuxo un cambio na tónica xeral da tempada, pois os vencedores das tres divisións saboreaban o triunfo por primeira vez no que vai de ano. Ademais, a proba lucense proclamou a un novo campión.

Dentro da Copa Top Ten Pirelli “A” e o Supercampionato Galego R5, a previsible loita a tres bandas entre Alberto Meira, Jorge Pérez e Francisco Dorado foi emocionante ata a última sección. Unha picada do lucense en Friol facíalle perder corda con Meira, que cada vez lograba sacar máis partido do seu novo Fabia R5, e Pérez. Pola tarde, o de Vincios, acompañado por Ezequiel Salgueiro, puxo terra polo medio para destacarse no liderado, fronte a un Jorge Pérez que debía conformarse coa segunda praza. Francisco Dorado ocupaba a terceira posición, sen poder recortar terreo aos seus rivais. Por detrás, Luis Vilariño abandonaba tras sufrir problemas de freos e Alberto Nimo tamén terminaba o seu debut aos mandos do Festa R5 antes de tempo.

A Copa Top Ten Pirelli “B” parecía un novo duelo entre Diego Vila e “Koke” Garnelo, co de Tui dominando a primeira sección fronte a un Garnelo que rompía un palier. Con todo, Vila abandonaba no enlace por unha avaría no motor do seu Renault Clio N5, outorgando matematicamente o título de campión a Garnelo. O gran beneficiado deste carrusel de sucesos foi Celestino Iglesias, que logrou manter un ritmo moi seguro, comandando a clasificación desde a terceira especial e regulando a súa diferenza respecto a Garnelo para facerse coa vitoria, levando á súa dereita a Vanesa Maquieira. O último chanzo do podio ocupábao César Gonzalves, nun gran regreso á competición, no que estivo a pelexar con Antonio Fernández, que estreaba o Volkswagen Polo N5 coa cuarta praza, xusto por diante de Fernando Rico.

En canto á Copa Top Ten Pirelli “C”, a sorpresa saltaba cunha saída de estrada do líder da clasificación, Tinín Iglesias, que lle facía perder máis de oito minutos. Por diante, Rubén López situábase á fronte mentres se sucedían os abandonos de José Manuel Pazos ou Pablo Aneiros, deixando a José Manuel Lamela como única ameaza para o de Sarria, que lograba a vitoria en casa. Miguel Caeiro terminaba na terceira posición e Tinín Iglesias na cuarta, que lle impide celebrar o título aínda, pois lle faltan 12 puntos respecto a Raúl Martínez para ser campión.