Un chourizo vexetal en Galicia? Parecía un atrevemento ata que tres mulleres decidiron poñer en marcha ese produto ao que chamaron Calabizo, un chourizo de cabaza con todo o que ten que ter un chourizo, mais sen porco.
Sofía, Edurne e Keila déronlle para adiante a un alimento que impactou. Co firme convencemento de que existía un oco no mercado para un chourizo vexetal atinaron na súa aposta e hoxe o calabizo é un fixo en moitas tendas pequenas e lineais de grandes distribuidoras comerciais do país.
Non existe no mercado ningún outro embutido vexetal similar ao chourizo e elaborado de forma tradicional: curado e afumado con madeira de carballo. É un alimento de gran valor nutritivo, baixo aporte calórico, alto contido en fibra, rico en antioxidantes, fonte de vitamina B6 e co sabor de sempre.
Calabizo é unha das historias do rural que se presentan en Parte de ti, unha campaña do Grupo de Desenvolvemento (Galicia Suroeste Eurural) que por segundo ano vai enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias das produtoras e produtores. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador.
O Grupo de Desenvolvemento (Galicia Suroeste Eurural) é unha entidade sen ánimo de lucro formada por todo o tecido asociativo que hai nos concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela, Mos, O Porriño, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán e Gondomar máis os propios concellos e entre todos encárganse de elaborar unha estratexia de desenvolvemento rural para todo o territorio.
Os vídeos da campaña poderán visualizarse na web https://partedeti.eurural.org/ e nas redes sociais de Eurural (@eurural_gdr14) . Ademais os produtores e comerciantes que vendan produto do rural poderán formar parte do directorio de Parte de ti cubrindo o formulario dispoñible na web (https://partedeti.eurural.org/queres-formar-parte-deste-proxecto/)

