A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de asistencia técnica educativa para o programa “DepoAventura A Lanzada 2017”. O importe de licitación deste expediente é de 160.000 €, 11.000 € máis que o ano anterior debido a que as empresas que opten á asistencia técnica educativa do programa deben ofertar, como novidade con respecto ó 2016, actividades de inmersión lingüística en inglés. Ao respecto a Presidenta da Deputación, Carmela Silva, manifestou que “sabemos que é fundamental que as nosas nenas e nenos dominen este idioma, de tanta necesidade para o seu futuro persoal e profesional”.
A pasada semana o goberno da institución provincial aprobaba as bases da segunda edición do programa “DepoAventura A Lanzada” a través do cal ofértanse 2.200 prazas, 300 delas gratuítas para menores en situación ou risco de exclusión social, para gozar de sete días na Lanzada en réxime de pensión completa e cunha ampla programación de actividades para o tempo libre. Neste eido -tal e como indicou Silva- “ademais de actividades de carácter lúdico, cultural, artístico, medioambiental, deportivo e formativo, imos impulsar por primeira vez que unha parte importante das mesmas teña lugar en inglés, co obxectivo de impulsar a inmersión lingüística neste idioma”.
A Deputación de Pontevedra subvencionará co 50% 1.900 prazas, debendo aboar as familias 100 € por praza, 80 € no caso das familias numerosas. As 300 prazas restantes serán subvencionadas ó 100% pola Deputación de Pontevedra e irán destinadas a menores en situación ou risco de exclusión social.
“DepoAventura A Lanzada” desenvolverase entre o 25 de xuño e o 9 de setembro en 11 quendas de 7 días de duración cada unha (do 25 de xuño ao 1 de xullo, do 2 ao 8 de xullo, do 9 ao 15 de xullo, do 16 ao 22 de xullo, do 23 ao 29 de xullo, do 30 de xullo ao 5 de agosto, do 6 ao 12 de agosto, do 13 ao 19 de agosto, do 20 ao 26 de agosto, do 27 de agosto ao 2 de setembro, do 3 ao 9 de setembro).

