Correos incorporará á súa frota 220 novas furgonetas ecolóxicas

Correos incorporará proximamente á súa frota 220 novas furgonetas ecolóxicas en renting de longa duración (60 meses), cuxa entrega está prevista para principios de decembro.

Concretamente, Correos adquirirá 100 novas furgonetas eléctricas, con etiqueta CERO, de 4 m3 de capacidade de carga, así como 120 furgonetas híbridas, con etiqueta ECO, de dous tamaños: 70 furgonetas de 6 m3 e 1.200 Kg. de carga útil e 50 furgonetas mixtas, de 3 m3 e 1.200 Kgs. de carga útil, habilitadas con dobre asento para poder transportar a 6 persoas.

Esta adquisición únese ao recente anuncio de incorporación de 400 novas motos eléctricas para a repartición de última milla. Deste xeito, antes de final de ano, Correos contará cun total de preto de 1.900 vehículos ecolóxicos (preto de 1.600 vehículos eléctricos e máis de 300 híbridos), o que a converte nunha das maiores frotas eléctricas e de “cero emisións” do sector da distribución en España.

A adquisición de furgonetas eléctricas permite a Correos aliñarse coas políticas ambientais europeas e, desde un punto de vista operativo, garante a prestación do servizo nos núcleos urbanos de todo o territorio nacional, incluídas aquelas localidades onde se impuxeron restricións ao acceso dos vehículos de combustión.

Neste sentido, hai que lembrar que cada vez máis concellos están a impulsar plans de calidade de aire e de redución de emisión de gases contaminantes e de pegada de carbono. Estas actuacións contemplan importantes limitacións ao tráfico de vehículos de combustión, especialmente no centro das grandes cidades. Coa progresiva incorporación de vehículos eléctricos á súa frota, Correos está preparada para seguir prestando o servizo en todos os núcleos de poboación, respectando as restricións impostas.