A tripulación portuguesa do Marías foi a vencedora da segunda xornada da Liga de Outono AEDAS Homes J80 que se disputou este sábado en Baiona. O barco liderado polo mozo Manel Cunha, cunha tripulación integramente lusitana que completan Marta Ramada, Vasco Tinoco, Gonzalo Hipólito e José Cunha, impúxose con contundencia na única proba que se puido disputar.
A pesar de que no programa da xornada estaba previsto poñer en xogo tres mangas, o vento non soprou coa suficiente intensidade e unicamente permitiu celebrar a primeira proba. Fíxose, ademais, cun acortamento de percorrido que anunciaba o que pasaría pouco despois, cando se tivo que anular a segunda proba por unha caída total do vento.
Con perspectivas pouco esperanzadoras de que fose mellorar a situación, o comité de regata decidiu dar por finalizada a xornada con esa única proba disputada, unha manga permitiu acurtar distancias entre os dous barcos na cabeza, deixar ao terceiro en posición de asalto e agrupar ao resto da frota na metade da táboa.
A clasificación segue encabezada, con 6 puntos, polo Okofen de Javier de la Gándara, ao que unha saída non demasiado boa impediulle asinar o que sería o seu cuarto primeiro posto nos parciais do campionato. Con 1-1-1-3 mantense líder da clasificación, pero co seu rival máis directo, o Marías, pisándolle os talóns. Os portugueses, cuns parciais de 3-2-2-1 demostraron este sábado que van a por todas e con 8 puntos aproxímanse ao liderado.
En terceira posición, con 16 puntos, repite o Cansino patroneado pola viguesa Alejandra Suárez, que non só logra manterse nos postos de honra, non demasiado afastada dos dous líderes, senón que se afasta do resto de competidores. En cuarta posición está o Mondo de Bernardo Macedo con 29 puntos e o quinto posto, con 35 puntos, é para os coruñeses de La Galera, liderados por Miguel Fernández.
A Liga de Outono AEDAS Homes J80 regresa a Baiona no mes de novembro para disputar a súa terceira e cuarta xornada, os días 6 e 20. Quedará para decembro a quinta e última etapa, a celebrar o día 18, xunto coa entrega de premios aos gañadores.





