Fernández-Tapias participa en Baiona nas degustacións de Écociña no Camiño

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este sábado na presentación de Écociña no Camiño na praza de abastos de Baiona, onde se ofreceron degustacións de balde coa denominada Prazaneta. Unha iniciativa que busca visibilizar prácticas sustentables da hostalería no Camiño de Santiago e que promove a cociña autóctona e sostible para promover a gastronomía propia e os produtos galegos entre peregrinos e turistas.

Máis dun cento de restaurantes espallados polas diferentes rutas do Camiño participan nesta campaña impulsada por Turismo de Galicia, que ofrece petiscos en colaboración con Aceites Abril e Estrella Galicia, e na que están implicadas as prazas de abastos coa súa oferta de produtos de proximidade.

Neste contexto a delegada salientou que nestas presentacións, ademais de degustar produtos da zona elaborados por cociñeiros do lugar, faise un labor pedagóxico sobre as vantaxes da cesta da compra de proximidade e o compromiso coa sustentabilidade, complementando a formación recibida polos restauradores.

A iniciativa coincide coa plena recuperación do Camiño trala pandemia, superando antes de rematar o ano as expectativas coas que a Xunta tiña previsto pechar este 2021 en canto a afluencia de peregrinos.

Así, Fernández-Tapias animou a aproveitar as oportunidades que ofrece a celebración de este dobre Ano Santo, especialmente nunha localidade, como a baionesa, atravesada polo Camiño Portugués da Costa que ademais é un dos que rexistra maior auxe entre as rutas xacobeas nas súa dobre vertente. “O Camiño é o mellor escaparate de Galicia e nel temos que ofrecer o mellor de nós mesmos”, concluíu.