Rouban o “banco con vistas” de Vilas

O pasado 1 de maio inaugurouse un “banco con vistas” na zona coñecida como “Laxe de Millo”, instalado pola Comisión de Festas María Auxiliadora de Vilas, coa colaboración da Entidade Local Menor de Morgadáns. O obxectivo era que veciños e visitantes achegáranse ao lugar para contemplar as marabillosas vistas da comarca do Val Miñor, ademais de promocionar o merendeiro situado no atrio da Capela de María Auxiliadora, onde está situado o bar da comisión.

Cando se ían a cumprir seis meses desde a súa colocación, o banco de madeira, que estaba aparafusado a unha gran rocha, desapareceu. Un veciño que baixaba en coche desde Prado cara a Vilas foi quen se decatou de que xa non estaba na súa localización este xoves sobre as 18:00 horas. Os veciños, indignados, xa puxeron os feitos en coñecemento da Garda Civil, ante a que presentarán este sábado ás 9 da mañá a correspondente denuncia. A Policía Local de Gondomar tamén se puxo ao choio e xa está a investigar o sucedido.

No caso de que o banco non apareza, colocarán outro no emprazamento situado a uns 400 metros de altitude, desde onde se pode admirar O Galiñeiro, A Groba, Monteferro ou Baiona e a súa baía.