156 maiores de Nigrán visitan o Cebreiro co programa de turismo social do Concello

Un total de 156 maiores de Nigrán retomaron hoxe o programa municipal de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade cunha excursión a Pedrafita do Cebreiro (Lugo). Esta é a primeira saída deste tipo organizada polo Concello de Nigrán desde a crise do Covid-19, esgotándose todas as prazas en menos de dúas horas, polo que o Concello irá programando novas ante a gran demanda existente.

A excursión, en tres autobuses, saíu ás 08:00 horas desde a Casa do Concello, a continuación pararon a visitar o mosteiro de Samos en Lugo e despois visitaron Pedrafita do Cebreiro e a súa feira de outono, o conxunto etnográfico do Cebreiro coas súas senlleiras pallozas, a igrexa pre-románica de Santa María e realizaron unha pequena andaina pola entrada do Camiño Francés nesta marabillosa contorna natural dos Ancares. Ademais, coñeceron queixerías da zona e comeron pulpo e carne al lado da feira.

O goberno local de Nigrán entende que viaxar para as persoas maiores despois da inactividade do Covid-19 é especialmente importante. “Non só serve para descubrir lugares novos, senón que aporta moitísimos beneficios especialmente útiles para eles, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención”.

Nese sentido, o alcalde de Nigrán, Juan González, deixa clara a súa aposta por este programa, “porque a todos estes beneficios hai que engadir que se socializarán e, en definitiva, faraos sentir máis felices e vitais”.