Nigrán continúa esta fin de semana coa programación do Mes do Teatro con Fulano, Mengano e Citano

O Concello de Nigrán continúa este sábado 23 co Mes do Teatro coa representación de “Top Manta” ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a cargo da compañía viguesa Fulano, Mengano e Citano, que acode grazas ao programa da Deputación de Pontevedra “Tornar ás Táboas”.

Os cortes económicos como consecuencia da crise empuxan a dous actores a cambiar os grandes escenarios polo top manta na rúa. Como todas as producións da compañía viguesa, “Top Manta” é unha comedia crítica e sarcástica sobre a realidade, aínda que os seus responsables, escapan do “politiqueo barato”.

O Mes do Teatro péchase o domingo 31 coa comedia para todos os públicos “Lisístrata” do grupo ourensán Teatrino.