A comedia violeta “Feminíssimas” chega a Baiona

De Ste Xeito Producións chega esta fin de semana a Baiona para representar a súa recente comedia violeta “Feminíssimas”. Será o venres 22 de outubro ás 21:00 horas no Auditorio V Centenario, con aforo limitado e entrada gratuíta. Unha cita que complementará parte da súa longa e intensa xira de outono deste ano, chegando á friorenta cantidade de trece actuacións no próximo mes de novembro por toda Galicia.

Un Congreso Feminista na cidade de Vigo. Tres amigas da adolescencia que fai anos que non se ven. Tres amigas que teñen 3 maneiras ben distintas de entender o “feminismo”… Por exemplo: feminismo radical, feminismo liberal e teoría queer.

Esta é a base de “Feminíssimas”, unha peza con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba mentres analizan -dende a comedia- de que maneira as mulleres están a con-vivir neste novo mundo feminista no que se atopan mergulladas.

Unha maneira -tamén- de rirse de si mesmas, das súas propias incongurencias e sobre todo do espazo que separa a teoría pura da práctica diaria. Un espazo -ademais- para reflexionar sobre a amizade e a súa complexa relación coa ideoloxía. En resumo: unha comedia negra… moi violeta.