O PP de Baiona advirte do estado do río Groba cando se cumpren 15 anos da inundación de Sabarís

O PP de Baiona chama a atención sobre o estado no que se atopa o río Groba ao seu paso por Sabarís e lamenta que o goberno local non executase a súa limpeza aínda a pesar de estar xa ás portas do mes de novembro. Os populares lembran que estas tarefas nos leitos deben realizarse a finais de verán ao existir menor risco de crecidas e móstranse preocupados polas graves consecuencias que esta falta de actuación pode ter ante a caída das choivas propias de outono.

Precisamente, este venres cúmprense 15 anos das maiores inundacións que afectaron a Baiona nas últimas décadas asolagando a parroquia de Sabarís e que estiveron provocadas polas choivas torrenciais de outono. Agora, aínda cos danos que ocasionou aquela tromba de auga no recordo, desde o grupo municipal popular advirten da necesidade imperiosa de actuar canto antes e instan o tripartito a realizala de inmediato. “Ata o de agora non houbo tormentas importantes pero debemos estar previdos”, advirten desde o PP.

“Como responsable da limpeza dos ríos ao seu paso polas zona urbanas, o Concello de Baiona ten a obrigación de priorizar este tipo de tarefas de carácter rutineiro na tempada apropiada porque delas depende a seguridade e a economía de moitos veciños ante o risco de que as súas propiedades acaben asolagadas. Con todo, o actual goberno local non conta con ningún plan de retirada de maleza dos leitos e cada ano improvisa executándoo tarde”, conclúen desde o PP.