O Monte Real Club de Yates presenta o seu proxecto de vela adaptada ante o prestixioso ICOYC

O Monte Real Club de Yates de Baiona foi elixido este ano para participar como relator na ICOYC 2021 EUROPEAN CONFERENCE, o foro que os membros do prestixioso ICOYC (International Council of Yacht Clubs) celebran bianualmente en diferentes países de Europa.

Convidado polos directivos da prestixiosa asociación que agrupa aos 44 principais clubs de iates do mundo, o Monte Real acudiu a Barcelona, lugar elixido este ano para a celebración do foro, representado polo comodoro do club, Ignacio Sánchez Otaegui.

Foi el quen se encargou de presentar aos delegados dos clubs membros as diferentes actividades que o Monte Real realiza no marco do seu programa “Vela para todos”, posto en marcha hai case unha década co obxectivo de ofrecer, a persoas con diversidade funcional, a posibilidade de practicar vela en igualdade de condicións.

Un proxecto que, aínda que nun primeiro momento naceu unicamente destinado a xente con diferentes discapacidades (físicas, sensoriais, intelectuais ou psíquicas), foise ampliando ao longo dos anos e, na actualidade, ofrece tamén actividades a persoas maiores, nenos tutelados e mulleres vítimas de violencia de xénero.

Todas estas iniciativas chamaron poderosamente a atención dos asistentes, que expuxeron numerosas preguntas sobre a súa execución e resultados. O do Monte Real, sen dúbida, un dos relatorios máis interesantes do programa do evento, no que tamén se falou da promoción das mulleres na vela ou o futuro das clases olímpicas, entre outros temas.

Unha vez finalizado o ICOYC 2021 EUROPEAN CONFERENCE, o comodoro do MRCYB mostrouse moi satisfeito coa experiencia. “Estar presentes nun dos foros náuticos máis importantes do mundo, como é o do ICOYC, é toda unha honra para o Monte Real Club de Yates. Significa -dixo- que o club segue sendo moi relevante no panorama internacional e que o que facemos desde Baiona ten eco máis aló das nosas fronteiras”.

O ICOYC (International Council of Yacht Clubs) é unha asociación que agrupa aos 44 principais clubs de iates do mundo co obxectivo de impulsar a navegación a vela e mellorar a organización de actividades e eventos.

Forman parte del, entre outros, o San Diego Yacht Club (EEUU), o Clube Naval de Cascais (Portugal), o Yacht Club de Mónaco, a Societe Nautique de Marseille (Francia), o Royal Yhames Yacht Club (Londres), o Royal New Zealand Yacht Squadron (Nova Zelandia), o Royal Natal Yacht Club (Sudáfrica) ou o Royal Canadian Yacht Club (Canadá).

Na lista de clubs membros hai dous clubs españois: o Real Club Náutico de Palma e o Real Club Náutico de Barcelona. Foi precisamente este último o encargado de organizar a ICOYC 2021 EUROPEAN CONFERENCE.