Baiona retomará a reparación do talaso de Monte Boi en 2022

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Talaso natural de Monte Boi.

Baiona retomará a reparación do talaso natural ao aire libre de Monte Boi para acabar dunha vez por todas cos problemas sufridos tras a súa posta en marcha en outubro de 2018, e farao durante o ano próximo. Para iso contémplase a construción dun pozo encostado a un dos muretes das instalacións onde soterrarán as bombas de auga contando coas súas correspondentes reixas de protección, canalizacións para manter cebados os elementos de impulsión que irían sobre uns raís para facilitar a súa extracción á hora de sometelos a unha posta a punto.

Polo momento a idea está sobre a mesa coa previsión de materializala en 2022, aínda que para iso deberán de obter a autorización de Costas. As actuacións volven ser factibles, catro meses despois de que o tripartito se negase en rotundo a destinar preto de 50.000 euros cos que agora levarán a cabo as modificacións ademais da automatización do conxunto. E é que segundo aseguran os temporais sufridos durante o pasado inverno levaron por diante tres das catro bombas de auga salgada colocadas en primeira liña, expostas aos azoutes das ondas pero tamén con parte das tubaxes e mesmo unha das instalacións eléctricas ao completo.

Un proxecto feito con présa, sen ter en conta a climatoloxía nin a forza do mar son a ollos do edil de Vías e Obras, Óscar Martínez, a raíz de todos os problemas das instalacións, sumado a que os actos vandálicos sufridos en 2020 supuxeron a guinda dun pastel que acabou convertendo a un dos proxectos máis novos do anterior goberno liderado polo popular Ángel Rodal nun auténtico xoguete roto. “A propia empresa asegurou que os traballos estaban mal formulados”, asevera Martínez. O complexo inaugurado en outubro de 2018 tivo un custo total de máis de 150.000 euros, executados en dúas fases baixo a denominación de “Poseidón 1 e 2” e financiados conxuntamente pola Deputación, Xunta e Fondos Europeos de Pesca. Entraron en funcionamento un breve período de tempo e antes do verán de 2019 xa tivo que ser sometido a unha posta a punto. En 2020 a situación repetiuse agravada por actos vandálicos e un mal uso dos pulsadores que obrigaron ao Concello a cambialos en 8 ocasións. “Falamos de que cada unidade custou 160 euros”, explica Martínez. Xa en agosto retiráronse todos os mecanismos, incluídos os chorros e aínda que posteriormente colocáronse, en xuño o tripartito declinou a súa reparación debido ao desembolso constante necesario para o seu mantemento, sumado ao cambio de prioridades derivadas da pandemia.