“Mulleres en Acción: Violencia Zero” regresa a Gondomar da man da danza

O programa “Mulleres en Acción: Violencia Zero”, promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra, converterá a Praza Paradela no escenario sobre o que a coreógrafa, Rut Balbís, premio da crítica de Galicia de artes escénicas en 2019, desenvolverá a súa acción “Pel Continua”.

Retoma o programa a interpretación das súas diferentes accións pola provincia e este martes 19, a partir das 12:30 horas, farao en Gondomar. Volve con forza e intensidade ante “a nova realidade que a covid19 deixou entre nós, na que a precariedade laboral das mulleres, a inexistencia dunha corresponsabilidade real evidenciáronse”.

Rut Balbís, directora da súa propia agrupación Pisando Ovos, é unha creadora moi prolífera e con creacións presentes de forma habitual nas Redes de Teatros Autonómica e nacionais, así como nalgúns dos festivais internacionais máis destacados do panorama actual de artes vivas.

Chega a Gondomar, dentro do programa “Mulleres en Acción: Violencia Zero”, co seu espectáculo de danza “Pel Continua”, co que quere trasladar ao público un desexo que pasa, entre outras cousas, “por imaxinar corpos que non se preocupan nin polo xénero nin pola forma que teñen, que conseguimos ver a través das nosas mans en contacto coa pel deses corpos”.

Con esta iniciativa o goberno de Gondomar súmase unha vez máis a accións que loitan contra a violencia de xénero, condenándoa aberta e rotundamente en calquera das súas expresións, obxectivo que a institución provincial puxo en marcha fai máis de cinco anos trasladando a espazos públicos esta denuncia tentando implicar de forma directa e maior ás cidadás e aos cidadáns.