Uns 50 voluntarios plantan 250 árbores autóctonas en Chandebrito

Concello de Nigrán, Comunidade de Montes de Chandebrito e Asociación de Veciños “O Castro” conmemoraron este domingo na parroquia o “IV Aniversario dos Incendios”. Uns 50 voluntarios plantaron 250 árbores autóctonas doadas polo CFEA de Lourizán (amieiros, bidueiros, sobreiras, servais, erbedos, acivros, abeleiras e pradeiros) na zona de Chans de Rapadouro e Lapela en aproximadamente 1,5 hectáreas.

Ao finalizar houbo un xantar popular para os participantes, e a continuación entrega de presentes a entidades colaboradoras e, finalmente, actuación do grupo de música da terra “Os Escaravellos”.

As parroquias de Chandebrito e Camos viviron o 15 de outubro un dos momentos máis tráxicos da súa historia ao sufrir uns gravísimos incendios que se levaron a vida de dúas mulleres nunha evacuación errada, Angelina Otero e Maximina Iglesias, e máis de 600 hectáreas arrasadas.

“As vida humanas son irreparables, esa dor e ese recordo sempre estarán aí, pero despois dos incendios tamén xurdiu en todos nos unha nova mentalidade ecoloxista e a esperanza e a ilusión de xestionar o monte doutro xeito, Chandebrito e Camos son o mellor exemplo diso”, explica Juan González, alcalde de Nigrán.