O PP de Gondomar pide que se convoquen e publiquen as subvencións educativas, sociais, culturais e deportivas

O Partido Popular de Gondomar solicitou por rexistro a inmediata convocatoria das subvencións sociais, educativas, culturais e deportivas do Concello de Gondomar e a ampliación dos tempos de solicitude e xustificación, co fin de que as asociacións dispoñan de máis tempo para ambos trámites.

Ademais piden que se elimine das bases a cláusula que impide que unha mesma entidade poida concorrer a tantas axudas como tipo de actividade desenvolva. Na convocatoria do ano pasado o Concello incluíu este punto, o que ocasionou que moitas entidades de Gondomar que atenden a varios fins, como son a cultura, os deportes, educación e fins sociais, soamente puidesen concorrer a unha delas, coa perda de subvencións que poderían acadar para as outras actividades. Como as subvencións son para gastos xa efectuados, moitas entidades que tiñan realizado actividades coas que xa contaba que ían ser subvencionables, atopáronse con que non puideron optar ás mesmas.

O ano pasado, o alcalde fixo ouvidos xordos á petición do Partido Popular para que se concederan as subvencións ata esgotar o crédito existente, xa que o Concello só adxudicou un total de 32.047 € dos 51.000€ previstos, o importe máis baixo dos últimos anos, polo que solicitan que nas bases deste ano se recolla esta petición.

“De todos é sabido a importancia que teñen estas subvencións para as entidades culturais, deportivas e sociais que desenvolven as súas actividades en Gondomar e a labor que desempeñan na mellora de vida dos veciños de Gondomar, sobre todo nas parroquias, que cada vez están máis esquecidas por parte do Concello. O Sr. Ferreira debería aprobar e publicar canto antes as bases das subvencións e non agardar a última hora como nos ten acostumado nos últimos anos, ampliando os prazos e facilitando así o traballo das asociacións de Gondomar”, remata dicindo Paula Bouzós, voceira do Partido Popular.