Plantadas máis de 35.000 árbores en Chandebrito desde 2017

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Inauguración do "Bosque da Memoria" en Chandebrito.

Este venres cumpríronse catro anos desde que un 15 de outubro os incendios apoderáronse do sur da comunidade arrasando á súa vez a parroquia de Chandebrito, o domingo 17 a Comunidade de Montes celebrará un acto para rememorar un dos sucesos máis catastróficos xamais lembrados na parroquia nigranesa. 1.500 días despois parece que a calma reina pero non sen esforzo.

Desde o suceso, tanto a formulación da Comunidade de Montes como a de todos os veciños deu un xiro de 180 graos e na actualidade poden afirmar con orgullo que levan plantados máis de 35.000 exemplares arbóreos. O certo é que multiplicaron por oito o espazo reservado para especies autóctonas pasando de 5 a 40 hectáreas, onde se inclúe un de 12 para crear un Parque Forestal entre o Concello e Deputación. E é que o balance non puido ser máis desolador: 455 hectáreas queimadas das 460 coas que conta o núcleo nigranés e que supoñen o 99% dos seus montes, e o que é máis tráxico, a perda de dúas veciñas, Angelina e Maximina, que faleceron atrapadas dentro dun vehículo.

A pesar de que desde a entidade aseguran que “aínda queda por facer” a súa política tomou un cariz moito máis preventivo. Grazas á participación e colaboración de empresas privadas, administracións, ONG´s, centros educativos, un programa televisivo ou entidades artísticas, bosques, esculturas, escavacións arqueolóxicas, a creación de roteiros de sendeirismo ou a mellora dos viarios, entre outras iniciativas, enriqueceron un conxunto catalogado por moitos como “a zona cero” dos incendios, e onde o simbolismo obtén un peso vital sen borrar da retina ao lume e as súas consecuencias.

Precisamente Víctor Manuel Vidal, presidente da Comunidade de Montes, afirma que moitas das accións postas en práctica serven para previr a expansión das chamas, no caso de que a situación repítase. “As liñas de masa autóctona funcionan como un perímetro de seguridade parapetando os núcleos poboacionais de Chandebrito”, aclara. Paralelamente a Xunta acaba de rematar a construción dun presa contraincendios, coa posibilidade de fornecer auga aos helicópteros. O 4º aniversario desenvolverase en Chans de Rapadouro desde as 11:00 horas. A poucos metros das instalacións deportivas plantaranse 300 árbores autóctonas desde as 11:30 horas nun espazo de 7.000 metros cadrados. Ás 13:30 ofrecerase un ágape aos asistentes e ás 15:00 entregarase un recoñecemento ao axente forestal de zona, Pablo, Xunta, Deputación e Concello pola colaboración ofrecida.