Solaina presenta en Nigrán “Dedas”, o seu primeiro libro ilustrado dedicado ao público infantil

O sábado 16 de outubro ás 12:00 horas terá lugar, no Auditorio de Nigrán, a presentación e contacontos do libro “Dedas”. Un conto ilustrado de 64 páxinas onde agroma a poesía en cada liña. Un libro evolutivo para nenos e nenas de 1 a 6 anos. Trátase dunha historia fermosa na que se xoga coas repeticións para darlle musicalidade e na busca continua dun uso didáctico.

As pequenas e pequenos aprenden a contar cales son os días da semana, os meses do ano… todo nunha liña de xogo cunha sorpresa final que ve realidade coas belísimas ilustracións que acompañan a escrita.

O libro, escrito por Soledad García, ilustrado por Laine Villero e deseñado por Natalia Guisande, nace e crece con ilusión no Concello de Nigrán a través do proxecto SOLAINA- unha fusión de arte: palabras, pintura e deseño-.