Dous veciños de Gondomar gañan o I Premio de Investigación “Val de Miñor”

Fallados os primeiros Premios de Investigación “Val de Miñor”. Convocado polo Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e patrocinado pola Mancomunidade do Val Miñor, acaba de ser concedido por o xurado de expertos, segundo se recolle na acta, e unha vez abertas as plicas, aos veciños de Gondomar Xosé Luís Mosquera Veleiro, pola súa obra “O Val de Miñor durante a Segunda República (1931-1936)”, e un accésit a Elena Crespo Fernández polo seu traballo “A represión franquista en Gondomar”.

A dotación do premio é de 3000 €, e a súa publicación para a obra gañadora, e de 1000 € para o accésit e a publicación dun resumo na Revista de Estudos Miñoráns REM.

Os premios serán entregados nunha data próxima, aínda por concretar, nun acto que será anunciado oportunamente, ao tempo que se convocará a segunda edición, na que se animará aos novos investigadores dos cursos de bacharelato e FP dos institutos e aos da Universidade, para que sigan avanzando nos estudos locais e a outros investigadores que teñan entre as súas investigacións traballos centrados na nosa comarca.