Voluntarios de Proxecto Ríos comproban o estado do río Zamáns ao seu paso por Vilaza

Voluntarios e voluntarias de Proxecto Ríos en Gondomar fixeron hoxe unha prospección rutineira no treito do río Zamáns ao seu paso por Vilaza. “Facemos dúas prospeccións ao ano, a de outono e a de primavera, con mostraxes relacionadas co estado de saúde do río”, sinalan desde o colectivo. Toman mostras da bioquímica, dos macroinvertebrados, e comproban a vexetación, a flora e a fauna, e se hai algunha vertedura ou algunha outra cousa que afecte á súa saúde. Todos eses datos mándanse a Proxecto Ríos, que á súa vez cos datos de outros voluntarios mándanse a Augas de Galicia, que dá unha valoración final dos cursos fluviais galegos. De paso recollen lixo, e desta volta retiraron algo de plásticos vellos. “Temos que denunciar no Pego Negro, en Vincios, a cantidade de lixo que hai nas cunetas, que a xente tira cando vai no coche, e que obviamente ao pouco tempo vai ao río Zamáns. Unha chamada de atención”.