O podio da Vigo Copa de España ascende ao pelotón profesional

A Vigo Copa de España estreouse o pasado mes de maio como unha catapulta ao máximo nivel. Os tres corredores que pisaron o podio do evento organizado polo Vigo-Rías Baixas correrán a próxima tempada no pelotón profesional. Unha noticia que enche de orgullo á entidade presidida por José Luis Chamorro e que reforza a súa aposta por situar e consolidar á súa cidade no calendario da Copa de España, a competición máis prestixiosa do ciclismo Elite-Sub23.

O catalán Marc Brustenga (Caja Rural-Seguros RGA) impúxose ao sprint na Avenida de Beiramar e en 2022 defenderá as cores do Trek Segafredo, o equipo estadounidense do UCI World Tour. “Foi unha carreira moi interesante e tamén me sorprenderon a montaxe e a organización. A verdade é que estivo moi ben”, lembra o ciclista catalán: “O percorrido era moi aberto, podían pasar moitas cousas, e ademais era moi bonito polas vistas e as estradas”.

O segundo posto no desenlace dos 176 quilómetros, con inicio e final en Vigo, correspondeu ao andaluz David Martín, que a próxima campaña promociona ao primeiro equipo do Eolo Kometa, a escuadra profesional da Fundación Alberto Contador: “ Sinceramente, foi un dos percorridos que máis me gustou da Copa de España. O perfil conta con varias cotas explosivas e decisivas para un final para resolver nun sprint reducido. Vinme para Sevilla cunha espiña cravada por non gañar”.

O podio daquela primaveral xornada completouno Pau Miquel (Lizarte), lucindo ademais a camisola de líder da Copa de España. O catalán acabou adxudicándose a xeral do certame estatal e esta tempada xa a acabou competindo coas cores do Kern Pharma profesional. De regreso da súa participación en Parídela Circuítos disputada esta fin de semana apunta que “a carreira de Vigo foi a máis longa de toda a Copa de España. Con esa distancia parécese moito aos percorridos de profesionais. Tivo a súa faragulla e goceina moito”.

Avalada deportiva e organizativamente polos principais protagonistas da súa primeira edición, a Vigo Copa de España aspira a superarse no 2022. O Vigo-Rías Baixas xa traballa para que os futuros ciclistas profesionais volvan á exhibir o seu potencial nas estradas do sur da provincia de Pontevedra.